xoves, 23 de xuño de 2016

CHEGARÁ, PARA SER O TEU CAOS



Chegará. Aínda que non queiras.
E chegará coas súas manías, cos seus vicios, coas súas historias, e coa súa maleta chea de doces envelenados.
Chegará para por a túa vida patas arriba, para ser o teu caos. E con el escribirás todas as páxinas do libro que aínda non remataches.
Atoparalo en todos os poemas: pasarás páxina e rematarás capítulos, pero continuará agochado entre pétalos de rosas.
Brillará, cada noite, a carón da Lúa para que o poidas ver. E darache una estrela que sempre te acompañe, para tinguir de luz o teu mundo.
Pero non será necesario, xa que o teu mundo pasará a ser el. E non quererás saborear outros beizos que non sexan os seus.
Sei que agora mesmo tes medo, e só de pensalo sentes auténtico pánico… Pero no momento en que te decates de que os teus pés xa non están no chan, e que estás voando entre nubes de algodón de azucre, algo cambiará no teu interior.
E si. Nese momento decataraste de que chegou, e desexarás que nunca marche. A verdade, e que todos necesitamos alguén que nos deixe as súas ás de cando en vez.

xoves, 16 de xuño de 2016

NUNCA PODEREMOS CONXUGAR "AMAR" EN PRESENTE



Busqueite en cada recuncho do noso meu cuarto, entre as páxinas dos libros de poesía que escribía para ti, e entre os pétalos de todas esas flores que nunca me chegaron por San Valentín.
Pero só atopei a certeza de que perdemos os nosos días moito antes de poder saborear este doce de chocolate negro ao que decidiron chamarlle mundo.
Ese mundo que intentamos cambiar pintando o ceo de soños, e enchendo as nubes de bicos. Agora todo é un gran ruído entre os nosos silencios.
Eses que enchían as sabas brancas de algo que non se podía describir con vocábulos. Creamos a nosa propia lingua particular, pero suspendemos o primeiro exame, e deixámola morrera.
Nestes días, as rúas están valeiras: cheas de xente sen soños, todos iguais, que andan polo mundo en busca dunha historia que lle cambie a vida. Pero eu só tento atopar os teus ollos.
E ao pasar polo banco no que observábamos carreiras de avións veloces, e as formas das nubes, vexo miles de estrelas que buscan a novos namorados.
Pero o peor non é saber que todo rematou e que non volverás nunca, que a nosa historia rematou para deixarlle espazo as seguintes…
O peor é pensar que, como lin nalgún libro, nunca poderemos conxugar “amar” en presente.

luns, 30 de maio de 2016

ENTRE VERSOS DE AMORODO

Aquela era a mellor cafetería da cidade, unha mestura entre a literatura, o recendente aroma do café, e o sabor do té de froitos silvestres. Como cada xoves, os camareiros servían a consumición cun pequeno prato de amorodos.
Cando o camareiro do pelo longo me viu entrar no establecemento, comezou a preparar o meu té habitual, non fixo falta que lle recordara todas as miñas manías.
Xa estaba sentada nas cadeiras da parte de atrás, cando me serviu a consumición e as fresas. Sorriu e marchou, sen interromper o peculiar ambiente do lugar. E mentres observaba os lombos dos libros que cubrían as paredes, gozaba dos amorodos. Aqueles que perderan o seu doce sabor, pero que formaban parte do meu lugar.

luns, 23 de maio de 2016

ESTRELA DE PRATA

Lembras aquel día no que conseguimos saltar tan alto? Aquel día no que podíamos tocar as estrelas coa punta dos nosos dedos? Lembras como Ela baixou para arder con nós?
Aqueles instantes nos que se enredaba entre o meu cabelo, e ti intentabas collela para min… Pero nunca puidemos capturala, foi Ela quen nos elixiu a nós.
E os paseos polo parque, collidos da cintura, baixo o brillo constante dunha perfecta esfera de lume que se consumía sobre nós. As miradas dos nenos e nenas, a ilusión nos seus ollos ao ver a unha de tantas irmás da noite.
E a ilusión tamén residía nos beixos. Luces que aparecían baixo terra ao contacto dos nosos beizos. E como nos despegábamos do chan cada vez que os nosos dedos se cruzaban. Ese particular xeito de crear incendios coas nosas miradas.

luns, 9 de maio de 2016

SEGUNDAS OPORTUNIDADES




Esta mañá, mentres o xélido aire de inverno primaveral, pareime a pensar en ti. En ti e en min. No que puidemos ser, e no que non fomos.

Os dous quixemos matar a inexperiencia da adolescencia a tiros, pero digamos que apuntamos mal e disparámonos a nos mesmos. E perdemos o pouco sentido que tiñan as nosas vidas.

Nunca poderei esquecer a noite en decidimos darnos unha segunda oportunidade, de volver a saltar ao baleiro sabendo cal sería o final. Ese que volveu chegar, rompendo todo o que tanto nos custou construír.

Esa nosa forma de arder de ilusión e de amor, mirando a una estúpida pantalla que semellaba rirse de nós. Esa maneira na que nos volvíamos a dicir que nos amábamos, sabendo que non era certo. Que nunca nos amamos. Que en todo momento fomos dous egoístas en busca da propia felicidade.

mércores, 20 de abril de 2016

CAER, PARA LOGO VOAR

Lembras todos os teus soños? As túas ganas de perder a cabeza na Lúa, de camiñar polo universo en busca dunha estrela que brille para ti.
Imaxina ese día no que te mires ao espello e te decates de que defraudaches á nena que segue en ti, á que sempre quixo ser especial, diferente.
Agora eres una copia máis de tantas persoas que renunciaron a ser elas mesmas, por medo a caer.
E se caer fora o paso previo para abrir as ás, e voar?
E se o perdes todo por non intentalo, por medo a quedar sen estrelas, a que o sol se apague para sempre…
Ou peor, e se te perdes a ti…
Seguramente te preguntarás quen eres, e que queres nesta vida.
E se che digo que só ti sabes a resposta? Que só ti contas coa maxia que buscas nos demais?

Pecha os ollos, e faite a pregunta máis importante da túa vida: Se puideras volver a empezar, farías todo exactamente igual?

domingo, 17 de abril de 2016

NON ME SOLTES

Quérote, non me soltes,
non deixes que desapareza tan pronto,
deixa que os nosos corpos se unan.
Necesítote, non me deixes,
estou soñando que os nosos corpos espidos
bailan pola praia, observando o mar.
Permanece sempre comigo,
necesito espertar cada día xuntos,
sentindo esta combustión dos dous corpos.
Quédate, non te movas,
quero sentir como os teus dedos
xogan ao longo das miñas pernas.
Acércate, volve a min,
deixemos que os nosos latexos
se unan para sempre.
Volve. Mírame aos ollos.
Bícame. Lévame contigo.